12/29/2008

A miña invisibilidade


aprendín a facerme invisible

non é unha cualidade como outra calquera:
paseo espida arrastrando os pés polas alfombras,
cósome as horas á pel coa agulla más grosa,
trago kilos de bofetadas ata atragantar

son a muller invisible
e levo unha camisa de forza
incrustada no corpo

collín o vicio de tirarme ao chan

agardo a que me disecciones
para que vexas de cerca
a causa da miña morte

gústanme as autopsias
porque me recordan a Rembrandt
e á súa Lección de anatomía

...hoxe morreron outras dúas, e mentres me chega a noticia, non son quen de deixar de pensar en que todo é polo mesmo: o machismo

12/01/2008

Entrevista

O pasado venres, chamoume unha redactora do Diario de Pontevedra para facerme unha serie de preguntas que van saír publicadas este mércores nese xornal. Entre elas, houbo unha en concreto que me fixo pensar: ¿Pensa vostede que son importantes as axudas da Administración? ¿Como cre que debería de ser a súa actuación?
Feita esa pregunta, pedinlle á redactora que me chamara a última hora da tarde, xa que non podía atopar unha resposta naquel mesmo momento, necesitaba reflexionar. Hoxe luns, sigo a darlle voltas ao mesmo. Por suposto que as axudas da Administración son importantes, importantísimas diría eu. O problema é que como non existen axudas directas para escritores/as creo que temos asumido ese feito, e xa nin pensamos niso (polo menos no meu caso). Con respecto a como debería de ser a súa actuación, o primeiro que me veu á cabeza foi pensar en que, se non actúan non podo saber como corrixir as súas accións. Primeiro terán que poñerse en marcha levando a cabo iniciativas que promova a Concellería de Cultura, digo eu, e logo, no caso de que non estean facendo as cousas como deban, será cando teña que xurdir a polémica.
Mentres, eu seguirei pensando en que non hai mellor axuda que animarme a min mesma todos os días a ir ao traballo, chegar a casa á noitiña e poñerme a estudar Dereito Procesual entre mantas e coa estufa para contrarrestar o frío que provocan as goteiras que teño no baño, poñer lavadora, tender a roupa, preguntarle a C. como lle foi o día para que non se esqueza de falar comigo, seguir con Arret e as aventuras de Xian, Évora, Uxía e Roi, chegar á idea perfecta para escribir ese conto para nenos e nenas que me propuxeron publicar, preparar o Contacontos que teño en Pontevedra o día 8 de xaneiro e respirar…
Que teñan bo día.